
Así se chama o libro da sabia e experimentada comadroa arxentina Raquel Schallman, “Parir en libertad” un fermoso título.
¿Que é o que nos pode dar esa liberdade?
Primeiro de nada a información ( a verdade faravos libres)... , cando sabes que é o que pasa, que é o que pode pasar, cales son as verdadeiras consecuencias de facer ou non facer certas cousas; entón podes decidir, podes elixir..., es libre.
Se non sabes nada de certo , ou se só che contan o que a alguén lle interesa que saibas , acabouse a elección , estás vendida , estás presa....
Despois , precisamos que as circunstancias sexan propicias ; as circunstancias, cando vas parir , véñense a resumir nunha: en quen está o teu carón.
Hai tantas posibilidades coma persoas... Pero hai basicamente dous tipos de acompañantes no parto:
Os que teñen medo,ou presa ; e os que non teñen medo nin teñen presa.
Nos hospitais case sempre hai medo, e presa , todo pode saír mal , todo se pode complicar , sempre pode haber unha emerxencia, os hospitais son o fogar das emerxencias...
Non son , en xeral, un bo sitio para un parto con liberdade. Son a casa dos partos dirixidos , intervidos , violentos, roubados ,tristes ...
Nas casas tamén pode haber medo , tamén pode haber emerxencias... Pero cando estamos nun lugar seguro e na compaña de alguén que nos dá seguridade, o medo pasa , a vida flúe...
¿Quen nos quitará as dúbidas? ¿Quen nos dará a forza? ¿Quen nos fará sentir que si podemos parir en liberdade?
Cada muller ten que atopar as súas respostas.
Raquel Schallman sabe bastante de todo isto , ela ten acompañado a moitas, moitas mulleres na procura de esa liberdade para parir ben , non só para parir fillos vivos e sobrevivir ....
Ela tamén acompañou a moitos profesionais que aprenderon a atender os partos guiados pola liberdade da muller e da vida, e non pola presa e o medo...
Todo precisa a súa aprendizaxe .
En O parto É noso cremos firmemente na liberdade de vivir o parto como o que realmente é: o maior acto de amor e vida da nosa existencia.
Por iso estamos moi ledas, e sentímonos afortunadas de poder contar coa visita de esta gran muller . Grazas, Raquel.
O Parto é Noso , marzo de 2009