Novamente El parto es nuestro-O parto é noso detecta, a partir das testemuñas das usuarias do sistema sanitario, que nos hospitais galegos seguen a incumprirse as directrices da OMS, a Estratexia do Ministerio de Sanidade e a propia Guía técnica do SERGAS sobre atención ao parto. Na maioría dos hospitais, o tener ou non un parto respectado depende do factor sorte.
Os únicos hospitais galegos que actualmente contan cun protocolo de actuación que cumpra coas devanditas recomendacións son o do Salnés, que ademais pertence á rede IHAN, e o de Cee. Porén, o primeiro, en determinadas épocas nas que se atopa sobrecargado, e o segundo, con carácter xeral, non aceptan mulleres de fóra da súa área de influencia.
Para denunciar esta preocupante realidade, El parto es nuestro-O parto é noso elaborou a seguinte nota de prensa:
Dende a asociación El Parto Es Nuestro-O Parto é Noso, integrada por mulleres e profesionais que defenden os dereitos das nais e dos recén nados a recibir unha atención ao nacemento óptima e axeitada ás recomendacións recollidas na Estratexia de atención ao parto normal do Ministerio de Sanidade e mais na Guía técnica do proceso de atención ao parto normal e ao puerperio do SERGAS, ambas do ano 2008, queremos denunciar o reiterado incumprimento destes textos e o neglixente retraso na implementación dos cambios precisos en todos os hospitais de Galicia.
Como asociación de usuarias constatamos que os nacementos seguen a atenderse con procedementos e protocolos intervencionistas e non axustados á evidencia científica actual, vulnerándose, entre outras normas:
- os artigos 15 (dereito á integridade física e moral), 17 (dereito á liberdade) e 18 (dereito á intimidade persoal e familiar) da Constitución española
- a Convención de dereitos do neno de 1989
- a Carta europea de dereitos do neno hospitalizado de 1986
- a Lei 41/2002, básica reguladora da autonomía do paciente
Resulta escandaloso que só exista unha atención respectuosa aos nacementos nun único hospital de toda Galicia, o comarcal do Salnés, o que leva a moitas mulleres da Comunidade autónoma a pedir a derivación ao mesmo, coa conseguinte sobrecarga de traballo, que empeora a calidade asistencial e a merma dos dereitos das e dos traballadores sanitarios do devandito centro.
Polo tanto, esiximos que se empece a traballar axeitadamente en todos os hospitais galegos, comezando polos grandes hospitais universitarios, que atenden unha grande poboación, mais teñen a resposabilidade de formar aos novos profesionais. Cremos que esta formación debería basearse en evidencia científica actualizada, coa finalidade de erradicar prácticas e protocolos obsoletos e demostradamente nocivos para a saúde materno-infantil.
Solicitamos que as nosas autoridades políticas sanitarias insten aos profesionais e aos responsábeis de cada hospital a cumprir as súas obrigas de boas prácticas nas actividades asistenciais, tendo en conta ademais que tanto a mellora da calidade da atención ao parto coma a formación continuada na materia están previstas no Plan de prioridades sanitarias 2011-2014 do SERGAS.
Cómpre, por último, lembrar que o parto fisiolóxico e o método nai canguro, xunto con ser o máis beneficioso e seguro para a nai e o bebé, son moito menos costosos economicamente. En tempos de recorte do gasto público, este é un motivo máis para implantalos nos nosos hospitais.
É un dereito fundamental das familias galegas o de ser atendidas no nacemento das súas fillas e dos seus fillos da mellor maneira posible. E é un deber dos profesionais sanitarios o de formarse na súa especialidade e actuar conforme ás recomendacións actuais, baseadas na evidencia científica e no respecto ás persoas.
Nota de prensa en pdf