Vémonos á volta do verao
Un ano máis, no mes de Xuño, O parto é Noso celebra as súas últimas reunións antes da pausa do verán.
É un tempo de reflexión, de volver a vista atrás e avaliar como resultou este “curso” que remata. E coma sempre, non podemos deixar de agradecervos o apoio e a participación nas diferentes actividades que desenvolvemos dende setembro de 2014 até agora.
Grazas por asistir ás nosas reunións abertas nos diferentes grupos locais de Galicia (A Coruña, Santiago, Vilagarcía, Vigo, Lugo e Ourense). É un pracer poder ofrecer un espazo de unión para as mulleres e as familias, un lugar onde sentirnos libres de compartir a nosa historia, non sempre unha historia feliz, pero sempre importante para seguir coñecendo de primeira man como é a atención ao embarazo e ao parto na nosa Comunidade. Unha historia que sumada a tantas outras forma parte do saber colectivo, dese lazo que en certa forma nos une a aquelas mulleres que concibimos e parimos. É imprescindíbel para o cambio social que procuramos que se fale do parto, do nacemento, da lactación. Que se fale da nosa dor e a violencia coa que ás veces fan nacer aos nosos fillos e fillas. Que saia da intimidade do noso corazón e dos nosos fogares e sexa transmitida e ampliada. Grazas, porque non sempre é doado abrirse, deixalo ir, compartir una vivencia tan íntima e persoal.
En cada unha das nosas reunións tivemos a oportunidade de ofrecer información actualizada e conforme á evidencia científica, ben sexa aportando documentación ás familias que asistían, ben enlazando coas páxinas oficiais onde descargala, ben propoñendo unha bibliografía do parto e o embarazo que non sempre é coñecida polos profesionais que o atenden.
Falamos principalmente da “Estrategia Nacional de Atención al Embarazo y Parto Normal” do Ministerio de Sanidade
e a súa proposta de Plan de Parto.
Tamén da proposta de Plan de Parto do Sergas.
Ademais, sempre vos remitimos á nosa páxina web el parto es nuestro onde podedes atopar material organizado por temas e ás nosas listas abertas, onde consultar calquera dúbida ou caso relacionado.
Recollemos as vosas achegas e suxestións e agardamos, de cara ao vindeiro curso que iniciaremos en setembro, poder seguir contando con vós para seguir facendo posíbel unha atención digna, respectuosa e baseada na evidencia científica para nós e os nosos pequechos e pequechas no momento único e irrepetíbel do nacemento.
Novamente grazas, vémonos á volta!