O valor da información
Que pasa cando, a pesares de informarte, de pór todos os medios, as condicións e a preparación necesaria para un parto “normal”, o teu parto remata sendo intervido?
Que pasa cando te preparaches para ter un parto na casa e rematas nun hospital?
Que ocorre cando esas mulleres que desexa e loitan por un parto vaxinal acaban en cesárea?
Como se pode dixerir algo así? Doe especialmente enfrontarse a unha indución agora que es unha muller empoderada, informada, que coñeces o que pode pasar e como está moitas veces o sistema?
Preparamos a unha xeración de mulleres para loitar por unha atención digna, máis humanizada e non intervida innecesariamente. Dixemos que o parto é noso (por suposto) e que todas podemos parir vaxinalmente aos nosos fillos. E isto é así na inmensa maioría de ocasións, pero ás veces, con esta xeneralización non facemos outra cousa que facer invisíbel e etiquetar (sen querer) como defectuosa á muller que, pese a todo, non puido chegar a isto. Que por moito que buscou un entorno íntimo, seguro e respectuoso non conseguiu que avanzase o parto. Que por máis que quixo outro nacemento para o seu fillo ou filla, unha placenta previa non dá máis opción que unha cesárea.
Quizais nos esquecemos de recordar que, ao igual que nos preparamos para un parto normal presentando o noso plan, informándonos das opcións e alternativas, tamén deberían reservar un apartado para ter un plan B, ou C... os que fagan falla. Deberíamos recordar que non sempre está da nosa man e non todo o podemos controlar ou prever (e evitar dunha vez por todas lapidacións, sentencias porque “non estabas realmente preparada”, non te metiches no planeta parto ou tiñas un conflito por asumir).
E a todas, a todas nos digo, lembrade que, aínda que non saian as cousas como desexamos, pese a que finalmente teñan que ser doutro xeito, sempre hai opción de decidir, a emendar parte, a minimizar os danos. E iso só nolo dá a información, a preparación e o que traballaramos antes do parto. Así que non pensedes que foi tempo perdido ou que non serviu para nada. Porque grazas a iso puideches facer o teu parto intervido menos traumático para o teu bebé. Puideches pedir na túa cesárea que o bebé non estivera só e pasara o tempo con papá. Puideches saber que o puerperio quizais sería máis doloroso agora e buscaches apoio antes de sentirte caer.