Equipo Blog
2 Dic 2015
  •  
0 comentarios

RESUMEN DAS IX XORNADAS DE SAÚDE PERINATAL E REPRODUCTIVA

O pasado 23 e 24 de novembro celebráronse as IX Xornadas de Saúde perinatal e reprodutiva nas que se presentaron diversos relatorios para a mellora da atención ao parto normal e tamén para mellorar a comunicación entre os profesionais sanitarios e usuarias do SNSaúde.

A xornada do 23 foi exclusivamente para persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde e outros servizos sanitarios públicos.

O 24 inaugurouse a xornada coa intervención de Antonio Fernández-Campa García-Bernardo, xerente do Servizo Galego de Saúde, que sinalou a importancia da comunicación entre paciente e profesional sanitario, e a importancia de cumprir nas salas de parto, na medida que se poida, os plans de parto das mulleres.

Nesta xornada puidemos acudir algunhas socias de O Parto é Noso e doutras agrupacións de mulleres, xa que foron reservadas dez prazas para este tipo de asociacións sen ánimo de lucro, como é o caso da nosa. Foi un día para escoitar as diversas opcións de mellora por parte dos profesionais que traballan con pacientes nos hospitais, tanto públicos como privados, e que van acompañar ás mulleres nun dos momentos máis importantes da súa vida, como é o proceso de embarazo, parto e posparto inmediato.

Un día no que puidemos escoitar, una vez máis, a vontade de facer as cousas mellor dentro do ámbito hospitalario máis concretamente e na atención ao relativo coa saúde feminina. Puidemos comprobar que a maioría dos e das profesionais están do mesmo lado que as mulleres, querendo darlles máis importancia e sobre todo máis voz á hora de decidir como queren que sexan os seus partos e o trato que lles gustaría recibir por parte dos profesionais sanitarios.

Por outra banda, tamén loitando e tentando por parte da administración e e dos profesionais, que a atención ao parto en Galicia siga as recomendacións da OMS e que se cumpran as premisas que aparecen na “Estrategia Nacional de Atención al Parto Normal” que o Ministerio aprobou fai anos.

Nesta liña foi un pracer escoitar a Isabel Espiga López, falando de boas prácticas, e tamén das malas, das que os profesionais deben abandonar dunha vez por todas, e explicar que estamos nun momento de reflexión, de pararse a pensar de onde vimos e cara onde imos, e que cousas se poden facer para mellorar chegados a este punto. Tamén subliñou a importancia de coñecer a convocatoria de boas prácticas por parte de TODOS os profesionais, tanto en centros de saúde como nos hospitais, xestores e inclusive servizos administrativos. Que todo o persoal que rodea á muller vaia no mesmo barco e na mesma dirección, e sexa coñecedor destas BOAS PRÁCTICAS e as leve a cabo. Tamén a José Ramón Escuriet Peiro, Coordinador do programa de Atención ao Parto Normal en Cataluña, que veu contarnos a importancia de presentar o plan de parto e as formas que teñen os profesionais de debater coa muller que actuacións se poderán evitar e que outras non é posible evitar. O estudo que teñen feito en Cataluña sobre os datos de rexistros de plans de parto foi digna de admiración pola nosa parte. Esperemos que máis cedo que tarde poidamos falar que en Galicia as cousas se fan tan ben ou mellor do que se fan agora en Cataluña, e de que o plan de parto estea tan instaurado e normalizado como o esta alí.

Na mesa redonda na que participaron diversas asociacións tanto de profesionais como de usuarias do SNSaúde, dicir que nos tería gustado moito participar, xa que EL PARTO ES NUESTRO é unha asociación que vén de traballar e de colaborar tanto co Ministerio de Saúde como cos gobernos centrais sobre todo o relativo á saúde feminina en todo o seu proceso reprodutivo. Agradecer a José Luis Fernández Tristac, membro da Sociedade Galega de Neonatoloxía, que nos nomeara na súa exposición, resaltando a participación da nosa organización no documento que elaborou o Ministerio sobre a Atención ao Parto Normal do que xa falamos anteriormente. Tamén outro tema que nos pareceu bastante interesante foi unha cuestión que José Luis lanzou aos asistentes pero que non deu tempo a debater: Por que un embarazo normal non pode culminar cun parto na casa tan seguro como no hospital? Este sería un tema que nos gustaría que se puidera tratar máis a fondo en vindeiras edicións, o tabú do parto en casa, como unha opción máis para as usuarias do SNSaúde. Destacar tamén as intervencións de Marta Carballal da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria e Eva González Souto da Federación Galega de Grupos de Apoio á Lactación Materna. Pola tarde puidemos escoitar ao Doutor Ricardo García de León falando sobre o proxecto “Ata que ti Queiras” do que é responsábel no Hospital Virgen del Castillo de Yecla, que nos explicou as dificultades á hora de promover a lactación materna entre nais e profesionais, e o impacto económico que supón o aumento da lactación materna entre as nais que optan por esta opción. Este proxecto, HQTQ, é un proxecto que conta con catro áreas de desenvolvemento: calidade asistencial, educación para a saúde, investigación e formación de profesionais, fundamental para levar a cabo con calidade as tres áreas anteriormente citadas.

Inda que destacamos estas intervencións, é certo que cada relatorio foi interesante e cando menos clarificador de como están as cousas e como nos gustaría que estiveran a día de hoxe.

Tamén escoitamos a profesionais comprometidos co cambio na atención ao parto e desalentados polo modo en que a mensaxe das boas prácticas non cala entre parte do persoal sanitario, e cansos de que a falta de persoal ou medios, moitas veces non permitan traballar como a todos lles gustaría.

Tamén salientar desde a nosa organización que ás veces as BOAS PRÁCTICAS son máis a actitude do persoal sanitario de querer facer as cousas ben e estar realmente concienciados, que ter moitos medios. Por exemplo, nos consta que en varios hospitais galegos existen estes medios que se piden, pero non están ao alcance das mulleres, se non que están pechados baixo chave con prohibición de uso, como son as cadeiras de parto e unhas marabillosas bañeiras que axudaría moitísimo ás mulleres que decidiran o seu uso. É por isto que a actitude é fundamental, poden existir cada vez máis documentos na web do Ministerio, un marco de BP (boas prácticas), pero se non temos a intención e as ganas de cambiar as cousas realmente, de pouco valen todos estos recursos. Queremos ver un cambio real, son moitos anos de xornadas nas que se prometen cambios, melloras na atención e máis participación das mulleres nos seus propios partos e nas súas propias decisións respecto da súa saúde, pero é por tod@s sabido que logo as palabras as leva o vento, e todos estes desexos se traducen en poucos cambios reais. As episiotomías, os kristeller, a separación de membranas, o expulsivo en litotomía, son prácticas desaconselladas pola OMS dende fai anos e, por desgraza, son intervencións demasiado rutineiras en moitos dos nosos hospitais galegos. Ogallá o vindeiro ano poidamos estar a falar dun cambio de pequenos xestos, de profesionais un pouco máis concienciados, por favor, QUERER É PODER!

Esperamos que estes espazos de encontro de profesionais tan importantes se sigan a celebrar e se entendan como un espazo necesario para escoitar, aprender e levar a cabo BOAS PRÁCTICAS, e tamén que en vindeiras edicións se conte coa voz das asociacións de usuarias que teñen moito que aportar a este debate. Xunt@s faremos o camiño mellor e conseguiremos que os nacementos estean rodeados de amor e non de violencia gratuíta.