Presentamos a nosa asociación
O xoves 10 de decembro tivemos a sorte de poder presentar en Lalín a nosa asociación, gracias ao Grupo de Apoio á Lactación Materna Aloumiños de Leite, puidemos dar máis información ás mulleres da zona sobre todas as opcións de parto na nosa comunidade, como elaborar e onde presentar un plan de parto e moita información, toda ela necesaria para poder ter un parto máis respectado e menos intervido.
No público atopamos mulleres con moitas preguntas e dúbidas acerca dos seus partos, intentamos resolvelas e sobre todo falar da evidencia científica e das recomendancións da OMS (Organización Mundial da Saúde). Atopamos mulleres feridas intentando procesar a dor que lles supuxo os seus partos tan medicalizados e intervidos. É una mágoa que a estas alturas aínda atopemos historias como as que alí escoitamos, foi unha tarde intensa pero ao tempo fíxosenos curto para expoñer todo o que nos tivera gustado explicar e afondar.
Regresamos a casa contentas e co corazón quente da boa acollida que alí tivemos. Como socias, volvemos coa boa sensación de ter escoitado a quen o precisaba e de ter resolto dúbidas que até o momento ninguén fora capaz de facer.
E con todo isto, queremos dicir que calquera muller pode contar con nós, podemos escoitar, acoller e acompañar para que outras mulleres entendan.
O venres 12 de febreiro organizamos, convidadas polas compañeiras da Asociación de Apoio á Lactanción Materna Chuchamel (Morrazo,) unha charla sobre parto respectuoso e plan de parto.
Iniciamos falando da importancia de entender o parto como un proceso fisiolóxico normal para o que estamos preparadas como mamíferas.
Continuamos explicando as prácticas que favorecen que este proceso evolucione de maneira axeitada (intimidade, sen présas, liberdade de movementos, etc) e as prácticas que o dificultan (litotomía, monitorización continúa, kristeller, separación do bebé, etc).
Rematamos explicando a importancia do Plan de Parto como documento vinculante con validez e o procedemento de entrega e posibilidades recollidas nel.