PEL CON PEL NOS HOSPITAIS GALEGOS
(imaxe extraída do xornal La Voz de Galicia do día 27/3/2016)
Fai un par de semanas liamos na prensa (La Voz de Galicia, Pontevedra Viva) que o Hospital Comarcal do Barbanza senta precedentes en canto ao parto humanizado, facilitando o contacto inmediato do bebé con súa nai nada máis nacer, o que tamén coñecemos como pel con pel. Tamén nos Complexos Hospitalarios de Pontevedra e do Salnés levan a cabo esta práctica.
O contacto pel con pel ten moitos beneficios, podemos destacar que favorece a creación dos vínculos afectivos entre a nai e o bebé e que facilita a lactación materna, xa que o bebé buscará o peito da nai instintivamente producíndose un agarre espontáneo ao mesmo.
Só en casos moi concretos, como son a dificultade de respiración ou se o bebé tragou líquido amniótico será preciso intervir, e logo de que o bebé estea en perfecto estado devolvelo a súa nai canto antes.
Nos casos de cesáreas a indicación é a mesma. De feito nestes casos o pel con pel é igual ou incluso máis necesario, para coidar así a saúde tanto física como emocional do bebé e da nai.
Aínda quedan centros nos que este tipo de prácticas tan beneficiosas non se levan a cabo e os bebés son levados a salas de reanimación nas que permanecen ata 24 horas, o que supón peores consecuencias tanto emocionais como físicas para ambos, nai e bebé. Temos que saber que este tipo de prácticas obsoletas non se corresponden coa evidencia científica actual.
Só en algúns casos nos que a nai non pode recoller ao bebé nos seus brazos, por anestesia xeral ou algún tipo de complicación maior, temos a opción de que o pel con pel o faga o pai.
É por isto que nos aledamos enormemente de que cada vez máis hospitais da nosa terra opten por este tipo de protocolos para humanizar cada vez máis os nacementos e facelos así máis respectados.
O hospital do Barbanza é un dos pioneiros en Galicia en levar a cabo este tipo de prácticas, esperemos que o resto de centros hospitalarios sigan o exemplo e podan así sumarse á lista de hospitais que levan a cabo estas boas prácticas.