Equipo Blog
26 Oct 2016
  •  
0 comentarios

APOIO AS NAIS PRIMERIZAS


Nos últimos meses atopeime con varias mulleres que foran nais por primeira vez, de distintas idades, distinto nivel social, con vidas totalmente diferentes, pero todas coas mesma preocupacións, a mesma soidade, as mesmas dúbidas, as mesmas angustias en relación á súa maternidade e a ao seu comezo na lactación.

Percibo que botan de menos achegados que as apoien, profesionais que lles transmitan seguridade, que lles axuden a confiar nelas, no seu instinto de nai e nos seus bebés. Desta maneira terían máis claro o camiño nos primeiros día de vida do seu bebé.

Canda chegan a casa co seu bebé, teñen á súa parella, á súa familia...., tamén poden acudir á súa matrona, enfermeira, médico..., todos lles dan consellos, pero en ocasións todos diferentes, incluso ás veces contraditorios. A solución a este problema é difícil, os achegados van seguir opinando sempre, os profesionais que se supón que deberían estar formados nunha liña común baseada na evidencia científica, cada un vai dar unha opinión diferente, incluso consellos contra toda evidencia (a estas alturas aínda hai profesionais que recomendan dar de mamar cada tres horas dez minutos de cada peito). Con isto as nais sofren as dificultades para instaurar unha boa lactancia, séntense culpábeis de que os seus bebés baixen de peso, de que os seus bebés choren todo o día ou de pasarse pronto ao biberón. Cada unha vai superando as dificultades como pode, unhas seguindo o seu instinto, outras seguindo rigorosamente os consellos dos sanitarios, outras acudindo a consultas de lactación privadas.

É para reflexionar o caso dunha mamá que o día que lle dan a alta comeza coa subida do leite moi forte, ao notar o peito duro e inflamado coméntallo ao persoal da planta e a única resposta que obtén é “serás unha boa doante de leite”. Ao chegar a casa xa tiña moitas molestias, os seus peitos estaban cheos pero o seu bebé non era capaz de agarrarse e a dor era importante. Quizais o que lle salvou a situación é que tiña o contacto dunha matrona que puido ir á súa casa ás 8:00 da tarde, con paciencia explicoulle como aliviar o peito e como conseguir abrandalo para que o seu bebé puidese comer. O contar con bo apoio ao presentarse os primeiros problemas, evitou que esta muller non chegase a ter ningunha mastite e agora que volveu traballar, é capaz de xestionar as subidas de leite que lle ocasiona estar lonxe do seu bebé.

Para cando haberá unha unificación de criterios e uns bos profesionais, ben formados en lactación? Para cando as nais sairán do hospital cunhas pautas claras para actuar cando xorden os problemas?